Noticias
-
Entre as principais novidades da actualización de 2024 está o incremento do número de cámaras nos montes que permitirá que o 85% do territorio galego en risco de incendio contará con videovixilancia. En concreto, vanse instalar outras 24 cámaras en 12 novas localizacións, e dicir, a rede de videovixilancia fixa vai contar con 177 cámaras en 88 puntos. Á hora de establecer a localización concreta das cámaras, tívose en consideración o feito de que proporcionen cobertura visual das zonas nas que se rexistra unha maior actividade incendiaria, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de alto risco de incendios (ZAR).
-
Dentro do seu compromiso por seguir afondando nun turismo de calidade e desestacionalizado e tamén na procura de fórmulas que atraian a Galicia viaxeiros de alta capacidade de gasto, Turismo de Galicia está participando en Milán nunhas xornadas con máis de 20 operadores especializados neste mercado. Enmárcase na aposta por seguir reforzando a presenza do turista internacional, que está medrando nos últimos anos e que é un dos obxectivos estratéxicos máis inmediatos. Ademais, lévase anos traballando para atraer un tipo de viaxeiro de alto poder adquisitivo que estatisticamente realiza un importante número de viaxes ao ano, polo que contribúe a romper a estacionalidade turística.
-
A rendibilidade hoteleira medra un 2% nos catro primeiros meses do ano e acada a súa cifra máis altaNos primeiros catro meses do ano o sector hoteleiro galego continuou avanzando na mellora da súa rendibilidade, cun crecemento do 2% e acadando os niveis maís elevados desde que se teñen rexistros. Así se desprende dos últimos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Estas cifras constatan os efectos que está a ter a positiva evolución da actividade turística entre o sector hoteleiro. De feito, estímase que nestes catro meses, os hoteis e pensións obtiveron uns ingresos totais nominais de máis de 74M€, cifra que supera o dato do ano pasado así como o valor previo á pandemia cando se facturaban 62 millóns de euros no segmento hoteleiro da comunidade galega. Con isto, esta é a cifra máis elevada da serie histórica.
-
Do 24 ao 26 de maio a Primavera de portas abertas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra ofrecderá unha ampla programación de rutas, catas e actividades enolóxicas e culturais. O sábado e o domingo están previstas visitas guiadas durante todo o día para percorrer algunhas das 13 adegas adheridas ao programa, museos e outros lugares de interese; inclúen o traslado en autobús con saídas desde A Coruña, Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Lugo, neste caso desde a Praza de Bretaña ás 9,30 horas. Ademais, a iniciativa de Turismo de Galicia ofrece desde este venres 13 actividades en distintas localizacións da Ribeira Sacra.
-
A Cidade da Cultura foi hoxe o escenario escollido para o lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VI, no marco do proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA). Durante o voo, que se prolongou máis de dúas horas, a cápsula MarumaSat mediu a velocidade do son a diferentes alturas e creou unha melodía que se obterá empregando ChatGPT para correlacionar notas musicais con algunhas das variables que mide a sonda como pode ser a presión ou temperatura, relacionando así a ciencia coa arte e a accesibilidade. Ademais, no momento do lanzamento ao que asistiu o secretario xeral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, a cápsula estratosférica levou unha mostra de ADN humano e dun fungo para ver a influencia que neles ten a exposición á radiación UV.
-
Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe lanzar unha nova liña de achegas, dotada de 18 millóns de euros, para axudar 'ás empresas auxiliares do sector da automoción a ser máis competitivas' e adaptarse ao proceso de transición que vive esta industria cara unha mobilidade máis sustentable, marcada pola extensión do vehículo eléctrico. Rueda, que lembrou a importancia dun sector -o das empresas auxiliares ou de compoñentes do automóvil- que xera '25.000 empregos' na comunidade, fixo fincapé en que se trata dunha industria 'que ten por diante un gran reto' para adaptarse á normativa europea que establece 2035 como data límite para que haxa vehículos contaminantes no mercado.
-
Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
-
Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.
-
A Xunta pon en marcha a Rede local polo clima para consolidar Galicia como unha comunidade resiliente tras reducir as súas emisións nun 60% desde 1990, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a xornada de presentación desta iniciativa. A conselleira salientou que 'somos a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (33%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (59,8%)'.