11767 empresas en nuestra base de datos  -   
Buscador
DIRECTORIO  
ALTA DE EMPRESAS  
BAJA DE EMPRESAS  
MODIFICA EMPRESA  
ANUNCIOS B2B  
noticias 
notas de prensa 
camaras de com. 
conf. de emp. 
of. de servicios 
reg. de la propiedad 
reg. mercantil 
comercio exterior 
aduanas 
agencias comercio 
cámaras comercio 
oficinas comercio 
asociaciones 
colegios prof. 
profesionales 
empresariales 
sindicales 
cofradías pesca 
empleo 
empleo galicia  
calendario fiscal  
calendario laboral  
documentación  

Internet Galicia

Servicios, aplicaciones y desarrollos de Internet

GaliciaDigital



  | A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | W | X | Y | Z 
Notas remitidas

A Fundación Repsol apoia a literatura en galego cun premio de narrativa breve

A Secretaría Xeral de Política Lingüística asinou un convenio de colaboración coa Fundación Repsol para a nova convocatoria e o desenvolvemento do Premio de Narrativa Breve creado en 2006 pola refinería de A Coruña.


A Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística asinaron un convenio de colaboración para a convocatoria e o desenvolvento da cuarta edición do Premio Narrativa Breve Repsol, creado en 2006 pola refinería de Repsol na Coruña.

O acto estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e polo vicepresidente executivo da Fundación Repsol, Enrique Locutura, que rubricaron o acordo na Fundación Luís Seoane da Coruña.

Durante a súa intervención, o secretario xeral aproveitou o escenario da sinatura do convenio para recordar o labor impulsado por Luís Seoane a prol da literatura galega. “O intelectual galeguista –afirmou o secretario xeral– deuse de conta de que, naquelas circunstancias, alguén tiña que asumir a responsabilidade de darlle continuidade ao discurso literario galego e el fíxoo creando editoriais, alentando proxectos e estimulando os escritores para que non deixasen de escribir na lingua propia de Galicia”.

“Afortunadamente –engadiu Anxo Lorenzo–, na actualidade, existen en Galicia institucións de noso que velan por que o galego sexa un sistema literario normalizado; e, ademais, hai entidades privadas, como o caso da Fundación Repsol, que entenden que deben participar no fortalecemento dese sistema, formando parte del como estimuladores, tal e como fixera Luís Seoane, hai máis de cincuenta anos”.
Neste sentido, o secretario xeral trasladoulle os seus parabéns á Fundación Repsol “por entender que estar radicados nun territorio implica asumir unha responsabilidade social con este, que neste caso concreto se traduce na convocatoria dun premio que xa é peza importante do sistema literario galego”.

O compromiso da Fundación Repsol coa lingua e a cultura galegas

Pola súa banda, o vicepresidente executivo da Fundación Repsol destacou o compromiso desta entidade coa lingua e a cultura galegas, que se manifesta a través de numerosas iniciativas, como “o patrocinio á Orquestra Sinfónica de Galicia, a Fundación Luís Seoane ou o premio que hoxe nos reúne”.

Ademais, Enrique Locutura referiuse á narrativa breve como “unha manifestación de creatividade literaria que se caracteriza pola brevidade extrema, a economía da linguaxe, os xogos de palabras e a representación de situacións estereotipadas”. Malia todo, “esta característica de brevidade e economía da linguaxe –engadiu– non debe confundirse coa simplicidade, xa que o formato de conto breve esixe do autor uns excelentes recursos lingüísticos para narrar unha historia real ou ficticia nun pequeno espazo”.

Por iso, “o futuro da narrativa breve é tan grande como o sexa a imaxinación dos nosos creadores”, concluíu o vicepresidente executivo da Fundación Repsol.

As bases do premio

O premio, que este ano chega á súa cuarta edición, está dotado con 9.000 euros e a publicación da obra. Os autores e autoras que o desexen –agás a persoa gañadora da edición anterior– poderán concorrer cunha obra escrita en lingua galega.

As obras orixinais e inéditas teñen que ter unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120 e deberanse enviar á Refinaría de Repsol na Coruña antes do 21 de xullo de 2010.

A decisión do xurado, que estará composto por cinco membros, será inapelable e farase pública no mes de setembro. Por outra parte, a entrega do Premio terá lugar antes de que finalice o ano nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.

Orixes e percorrido do galardón

O Premio de Narrativa Breve Repsol foi creado no ano 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e impulsado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia co obxectivo de promover a lingua e a literatura galegas. Ademais, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega, da Asociación Galega de Editores e da Asociación de Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as obras gañadoras das pasadas convocatorias.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose con este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, acadou un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor.


Autor:Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia
volver a notas remitidas

 

INTERDIX GALICIA, S.L (CIF B27256874) Registro Mercantil de LUGO ( TOMO 287, SECCIÓN 8, HOJA LU-6953, FOLIO 76 ) (correo electrónico) - tlfno : 902 190 387
© galiciadigital.com 2002 todos los derechos reservados
TEXTO LEGAL DE PROTECCION DE DATOS