|
Santiago, 17 de novembro 2008.- O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2009 na Comunidade Autónoma galega.
FESTAS LABORAIS
Por decreto, o número máximo de festas laborais de carácter retribuído e non recuperable non pode exceder de catorce ao ano, é dicir, doce festividades entre autonómicas e estatais, e dúas locais.
As Comunidades Autónomas poden substituír as festas que por coincidir en domingo se trasladan ao seguinte luns, por datas que por tradición lle sexan propias. Así pois, para 2009, ao coincidir en domingo dúas das festas de carácter estatal, o 1 de novembro, Día de Todos os Santos, e o 6 de Decembro, Día da Constitución, e facendo uso da posibilidade contemplada no Real decreto 2001/1983, optouse pola súa substitución polos días anteriormente mencionados: o 17 de maio e o 19 de marzo.
Non obstante, o vindeiro ano, dáse a circunstancia de que o 17 de maio, Día das Letras Galegas, coincide tamén en domingo, polo que se debe asignar outro día como festivo para a Comunidade galega. Así, seguindo o criterio do Estado de Trasladar ao luns inmediatamente seguinte aquelas festas estatais que coincidan en domingo, e aproveitando que o 8 de decembro tamén é festivo, decidiuse trasladar o 6 de decembro, Día da Constitución, ao luns 7 de decembro.
As festas laborais de Galicia para o ano 2009 serán as seguintes:
1 de xaneiro Aninovo
6 de xaneiro Día de Reis
19 de marzo San Xosé
9 de abril Xoves Santo
10 de abril Venres Santo
1 de maio Festa do Traballo
25 de xullo Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia
15 de agosto Asunción da Virxe
12 de outubro Festa da Hispanidade
1 de novembro Tódolos Santos
7 de decembro Día da Constitución Española
8 de decembro Inmaculada Concepción
25 de decembro Nadal
O calendario laboral para o 2009 entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro.
|